Presentación da Escola Ramón Fernández Durán

/img/cartel-escola-2025.jpg#center

Que é a Escola Ramón Fernández Durán?

A Escola Social Ramón Fernández Durán xorde como homenaxe ao pensador e activista Ramón Fernández Durán.

Trátase dun espazo autoxestionado de coñecemento mutuo, relación e reflexión para a acción social e colectiva entre xente inqueda que temos ganas de xuntarnos e compartir: “que estamos a facer” para “facer xuntas”; discutir, rir, divertirnos, construír e deconstruír… Soñando moitos mundos onde a xustiza social, a igualdade, a solidariedade, o respecto polo medio ambiente e as persoas sexan utopías por acadar.

Se tes inquedanza por cambiar este sistema capitalista inhumano e che apetece compartir reflexións e análises sociopolíticas, así como propostas para transitar xuntas cara a outros mundos máis humanos e sustentables, non o dubides, este é o teu lugar.

Quen puxo en marcha esta escola?

Esta escola foi fundada por Ecoloxistas en Acción, CGT e Baladre, pero está aberta e quere contar con todos os colectivos e movementos sociais, así que se o teu colectivo está interesado en participar na súa organización, non dubides en contactar connosco.

/img/logos/cgt.png /img/logos/baladre.png /img/logos/ecologistas.png

Quen era Ramón Fernández Durán?

/img/ramon1.png#center

Ramón Fernández Durán foi un pensador crítico e activista precursor dos movementos sociais e fundador de Ecoloxistas en Acción.
Dedicou a súa vida en corpo e alma a loitar contra a globalización capitalista e a era do petróleo, tecendo redes entre moi diversos colectivos sociais, ligando o ecoloxismo social co anarcosindicalismo e coa loita desde abaixo das excluídas do sistema.

Publicou multitude de libros, entre os que cómpre destacar Capitalismo (financeiro) global e guerra permanente, A complexa construción da Europa superpotencia, O crepúsculo da era tráxica do petróleo: Pico do ouro negro e colapso financeiro (e ecolóxico) mundial, e A Quebra do Capitalismo Global: 2000-2030.

Se queres saber máis sobre el, visita o blog A Explosión da Desorde.

/img/recuerdo_ramon.jpg#center

Faltaban 5 días como faltan hoxe,
para que as rúas estalasen.
E Ramón, que preparara a revolta durante anos,
usou os ollos indignados da súa xente querida para vela.
Non estivo Ramón,
e sen estar estivo máis presente ca os que tiñamos os dous pés na praza.
Estivo camiñando na manifestación,
facendo rodar un euro xigante que dicía as verdades da Unión Europea,
nas asembleas de economía,
escoitando, falando pausado, debatendo,
estivo na pancarta que colgaron as feministas,
e preparando a comida, lavando potas, colocando toldos para o sol.
E aí segue Ramón, pisando suavemente a praza,
estando sen estar,
digno,
coherente,
loitador.
Libre.